A Asociación de Veciños Agrícola e Cultural San Tomé de Parderrubias, en diante AA.VV. Parderrubias, situada na parroquia de Parderrubias no municipio de Salceda de Caselas, Pontevedra, ten como obxectivo principal mellorar o benestar da súa comunidade.A nosa longa traxectoria, que remonta a 1979, reflicte un compromiso constante co desenvolvemento social e cultural de Parderrubias, e da contorna do seu concello, adaptándose ás necesidades cambiantes da comunidade ao longo dos anos.
Desenvolve as súas actividades en áreas como a integración social, cultural, deportiva e medioambiental e o apoio a agricultura, nun proceso de innovación e de mellora continua en beneficio dos seus colectivos. Entre as súas actividades máis salientables están:
- Espazo de encontro interxeracional: Tras a cesión da antiga escola unitaria da Revolta, a asociación transformouna nun punto de encontro que promove a integración entre diferentes xeracións, ofrecendo actividades que fomentan a participación activa de veciños e veciñas.
- Obradoiros de novas tecnoloxías: En colaboración coa Fundación Cibervoluntarios e outras organizacións, a asociación organiza obradoiros personalizados dirixidos a persoas maiores e os cativos para mellorar a súa alfabetización dixital.
- Celebracións culturais: Organizan eventos como as cabalgatas de Nadal, o Serán da colleita e a elaboración dos Maios, actividades tradicionais que reforzan a identidade cultural da comunidade.
- Envellecemento activo: A asociación tamén se involucra en iniciativas relacionadas co envellecemento saudable, mellorando a calidade de vida dos seus membros a través de actividades físicas e sociais.
- Defensa dos intereses dos colectivos veciñais e da contorna, promovendo a participación e a cooperación entre os veciños, organizando actividades que favorezan a convivencia e o benestar da comunidade.
- Defensa e protección do medio ambiente: actividades medioambientales como recollidas de lixo, roteiros culturais e rutas de senderismo para coñecer mellor o entorno, plantación de distintas especies arbóreas para o mantemento dos espazos verdes dentro da contorna da comunidade…
- Promoción e preservación das tradicións culturais.
- Promover a igualdade de xénero e a inclusión de todas as persoas, independentemente do seu sexo, idade, orixe ou condición social.
- Ofrecer actividades de lecer: ioga, ganchillo, inicio na costura en máquina de coser, ximnasia de mantemento para maiores, distintos obradoiros para a cativada, actividades encamiñadas a conciliación, Mindfullness, etc.
- Realización e difusión de charlas sobre a infancia e adolescencia, e alguns dos trastornos que afectan a poboación máis xoven hoxe en día como o TDAH ou a saúde mental.
- Participación activa dentro da mesa local contra a violencia de xénero.
- Estamos rexistrados como entidade prestadora de servizos sociais no rexistro da Consellería de Política Social e Igualdade, (RUEPSS) nos conceptos de comunidade e Igualdade para programas de intervención comunitaria e de información e asesoramento en igualdade e loita contra a violencia de xénero.
- Convertémonos no mes de febreiro de 2025 en “Punto violeta”, espazo seguro para o apoio e información das posibles víctimas de abusos ou violencia de xénero.
- Colaboraramos con outras entidades parroquiais, provinciais, e coa administración local e provincial a través de distintas iniciativas e programas de violencia de xénero, igualdade, e axuda as familias en perigo de exclusión social e situación de pobreza.
- Participamos na difusión de valores como o respeto, a humanidade, a solidariedade e o traballo comunitario para o fortalecemento de valores positivos na sociedade.
A nosa sede física de atención ó público atópase no Lugar A Revolta, 5, 36472 Parderrubias, no denomimado Obradoiro Social Aula da Revolta, aberto luns, mercores e venres de 16:00 a 20:00, previa cita, que pode solicitarse a través do whatsapp 648.030.723.